MEDRE O MAR: Homenaxe a BERNARDINO GRAÑA

Como ben dicía Manuel María, “Hoxe o noso grande poeta do mar é, ó meu xuicio, Bernardino Graña. Pra atopar entre nós outro poeta do mar da súa categoría habería que remontarse a Manuel Antonio. Pra Bernardino Graña o mar case é o mundo, povoado, non somentes polos peixes, carrumeiros, toda unha fauna e vexetación marina, senón que tamén polos mariñeiros e afogados… Bernardino Grana canta a un mar poderoso, creador, vivo… “. *

O día 1 de setembro, sábado, prepárase unha gran xornada artística para homenaxear a Bernardino Graña, “Medre o mar”, como dí o noso grande poeta. Escritores, pintores, músicos, actrices e actores, videocreadores… agasallarán a Bernardino coas suas criacións e poñerán voz aos seus versos.

Organizan a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o colectivo arTeu, e colaboran a Universidade da Coruña e a Real Academia da Lingua Galega.

O programa é extenso e variado, a partir das 11.30, “mirando ao mar” con cores e voces. Artistas plásticos crearán as suas composicións, entre eles Alfonso Costa, Isabel Pintado, Tino Poza, Carlos Botana, Carmen Cierto, Lara Pintos, Mercedes Molares, Miguel Melero, Nolo Suárez, Nando Lestón, Begoña Pastoriza, Rubén Mariño, Augusto Metztli, Marthazul, Suso Cubeiro, Soledad Pite, Ánxela Pérez Meilán, Begoña Tojo, Inma Doval e Ovidiu Batista, mentres voces tan fermosas como as de Berta Dávila, Dores Tembrás, Alfredo Ferreiro, Begoña Paz, Ramiro Torres, Mou de Loug, Natalia Concheiro, Tati Mancebo, Nolim González, François Davó ou Henrique Rabuñal soan a carón das rochas. Zezilia Meléndrez e Ana Hermida entretendrán a grandes e pequenos, con contos e lecturas dramatizadas.

Ás 16,45 embarcaremos nunha lancha e “pasaremos a marola” , escoitando a Anxo Angueira e Xabier P. Docampo. Despois os gaiteiros Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña guiarán nunha marcha en loor de Bernardino a todos os asistentes hacia o edificio da Maestranza, onde terá lugar a segunda parte da homenaxe, con exposición das obras creadas na mañán no claustro e un gran acto poético con música e proxeccións, “Medre o mar!”, no Paraninfo da UDC. Nesta acasión Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, e o reitor da UDC, Xosé Luis Armesto,  poñerán voz aos peomas de Bernardino Graña. Actuarán A Quenlla, Pablo Coello,Coro mar das Acentes e Xurxo Souto. Proxectaranse videocreacións de Xacobe Meléndrez Fassbender.

A asistencia toda a xornada é libre e desexamos que sexa numerosa como ben merece noso gran poeta de Cangas. Quen queira “pasar a marola” na lancha que sairá da Dársena, deberá reservalo previamente na AELG: oficina@aelg.org 981133233, o custe é de 5 €.

Máis información tédela en AELG e Sermos Galiza

———————————————————————————————————————-
* Manuel María. A presenza do mar na poesía galega. En: RIEV. Revista Internacional de los Estudios Vascos, Año 39. Tomo XXXVI. N.º 2 (1991), p. 313-338 ISSN 0212-7016. San Sebastián: Eusko Ikaskuntza