Isabel Pintado na Clínica Aiemá (Compostela)

isabelpintadoaiemaA

Isabel Pintado naceu en Madrid, aínda que vive dende xa hai anos en Galicia. Estudou Belas Artes e ten ampla experiencia en pintura, gravura e outras técnicas artísticas. Tamén realiza escenografías, atrezo no teatro, pintura en seda, performance, colabouras coas distintas artes…Ten realizado numerosas exposicións e creou ilustracións para varios textos infantís. A súa obra queda ben definida neste texto de Xavier Seoane: “Porque Isabel Pintade tende a substraerse dunha realidade que, máis que de texto, lle serve de pretexto, entregándose a unha viaxe polos mares dun psiquismo silencioso, dunha intimidade vertida a través do estrañamento, e dunha suspensión por ámbitos dunha irrealidade marcada pola temporalidade e inmanencia. Son cadros dos que se emerxen prespectivas e atmosferas que actúan como auténticos trasuntos do soño e do tempo. Por iso o despegue do matiz, das veladuras e das transparencias, asi como o laborioso traballo coa luz: aspectos qeu outorgan algo de gasa atmosférica, de sutileza divagatoria por espazos e tempos de achega imaxinaria e unha certa vaguidade simbólica. Isabel Pintado vén creando, pois, unha poética afastada do turbulento ruído histórico e mediático de hoxe, en conexión con certas pintoras intimistas contemporáneas. E faino decantando uns coñecementos técnicos sólidos, desprazándose con naturalidade entre figuración y abstracción, integrando rexistros postcubistas ou dun relaismo irreal, en composicións de elaborada estructura, nas que non faltan o xogo e a ruptura de planos, dentro sempre dunha minuciosa achega debuxística, tanto na súa vertente pictórica como na da gravura ou na obra sobre papel” (Xavier Seoane).

Poderemos ver algunhas das súas obras na Clínica Aiemá de Compostela, durante os meses de abril e maio, dentro do proxecto “… Na espera”. Tamén durante estos meses ofrece unha fantástica exposición itinerante, nas Bibliotecas Públicas de Galicia, de libros intervidos, que xa estivo na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago, e agora está na Pública de Lugo.