IV Enarborar o bosque

Achégase a data do IV Enarborar o bosque, romería artístico-reivindicativa na que este ano queremos chamar a atención sobre o problema crónico dos incendios forestais en Galicia. (En anos ateriores: I.- protección do bosque (en Chaián -Santiago). II.- Contra a incineradora do Irixio (en Beade). III.- Contra a mineiría a ceo aberto (en Corcoesto). Participarán poetas, artistas plásticos, fotógrafos, músicos… profesionais e amadores, nunha xornada lúdica organizada por Factoría Delideas e o colectivo arTeu.
Farémolo na praia de Boca do Río,( Carnota ) baixo o Monte Pindo, que simbolizou a problematica dos incendios o ano pasado, pero podería ter sido a carón das Fragas do Eume, en Lalín ou en tantas partes do país que sufren todos os anos a peste destes incendios, na súa meirande parte intencionados.
Cada quén leva o seu xantar e os seus bártulos. Se alguén ten interese en participar con algunha actividade facédeo saber para ir organizando a xornada.

E se chove, que chova!, o Concello de Carnota prestaranos unha carpa de ser necesario.
(fotos de Delio Sánchez).

imaxe de Delio Sánchez

Contaremos coa participación de músicos: Xurxo Souto, César Morán, Xosé Taboada, Paco Campos, Dubi Méndez baamonde, Sapoconcho Galego,  Josito Porto, Bilal Traoré e Pablo Orza, entre outros. Espectáculos teatrais e contacontos: Cecilia Meléndrez, Miguel Ángel Alonso Diz e Ana Hermida. Poetas. Francisco X. Fernández Naval, Charo PIta, Iolanda ALdrei, Miguel Ángel Alonso Diz, Chelo Suárez, Marité Prieto…, artistas plásticos e fotógrafas/os.

Manifesto

Escritores e artistas xuntámo-nos este día en Carnota, baixo o influxo do Monte Pindo, para chamar a atención da sociedade sobre o problema dos lumes forestais. Un problema crónico, que se repite periódicamente con maior intensidade, pero que está presente todos os anos, con dous picos estacionais situados a finais do verano e a princios de primavera.
Tan só o ano pasado segundo dados da Xunta teñen ardido 16.000 Has de superfice forestal e monte baixo en Galicia, no Monte Pindo foron 2500 Has.  O efecto dos lumes é múltiple, á desaparición de flora e fauna hai que engadir un forte impacto paisaxístico e económico, nón só pola perda de explotacións forestais, xa que o efecto ambiental máis negativo é a erosión, a perda de solo -cando menos 17.000 toneladas de solo fértil só no Pindo-. A recuperación da profundidade e calidade destes é moitas veces imposible a curto prazo e os arrastres de cinza e restos queimados, polas treboadas posteriores, teñen graves efectos, provocando problemas nas localidades ava abaixo, nos rios e rías, ecosistemas que ven modificadas as súas características, o que afecta negativamente aos seres vivos que os habitan, moitos deles de uso alimenticio e comercial, acentuando o impacto económico na bisbarra.
As orixes deste andacio de destrucción son múltiples e non están ben identificadas ainda que si se sabe que na súa meirande parte son provocados. Enemistades entre veciños, enfrontamento entre gandeiros e productores forestais, renovación de pastos, despoboamento do medio rural, proliferación de monocultivos pirófitos… e a debilidade na condena social e xudicial aos incendiarios, froito da insuficiente valoración do monte.

Por iso pensamos que é precisa unha maior intervención da administración para identificar as causas dos lumes, unha persecución máis intensa e efectiva dos culpábeis, que leve parella condeas rápidas e exemplares, unha aposta por políticas de montes sustentabeis e de desenvolvemento rural que mire pola prevención sen desatender a capacidade de extinción. É precisa a ordenación adecuada do territorio e dos usos do bosque: distanciando o turno de cortas, promocionando do pastoreo ordenado, controlando as plantacións de eucalipto e outros monocultivos pirófitos, sen perder de vista o impacto negativo que poden producir as novas plantacións destinadas á producción de biocombustíbeis. Debemos priorizar a defensa e xestión sustentable de montes comunais, xa que constituen o 30% dos nosos bosques e son os que se   poden tratar en grandes parcelas, e utilizar os montes de xestión pública como referentes de conservación e productividade social e económica.
Non debemos esquecer que o problema do monte deriba do modelo e os valores sociais que definen a nosa sociedadeactual, a présa por acadar uns obxectivos económicos que se asocian a calidade de vida e felicidade levannos a pensar a curto prazo, sen implicarnos e solidarizarnos coas xeracións vindeiras. Cada persoa, cada un de nós, temos un certo grao de responsabilidade, por activa e por pasiva, no poblema dos lumes forestais, debemos transformarnos para que poida mudar a resposta social, da comunidade, fronte a este problema.
Facemos parte da natureza, renovemos o noso xeito de integrarnos harmónicamente nela.
Poñamos o bosque por bandeira!
                                                           MEDRE O BOSQUE!
Este é un acto simbólico promovido por os artistas plásticos e visuais Deli Sánchez de

Factoría Delideas e os compoñentes do colectivo arTeu, Inma Doval e Xacobe Meléndrez.
Coa colaboración do Concello de Carnota, Comunidade de Montes de

Caldebarcos e San Cibrao e Comunidade de Montes de San Mamede.

Convocatoria poética

VersosdeAugaconvocat from NoTobo do Raposo on Vimeo.

III Enarborar o bosque: Contra os proxectos de minería agresiva

Un ano máis, mantemos o noso compromiso co medio ambiente e a sociedade, netsa ocasión trasladámonos a Cabana de Bergantiños, á carballeira de Santa MAriña en Corcoesto, para decir NON ás minas contaminenates, NON á mina de ouro qeu queren instalar en Corcoesto, NON á estrución do noso medio, NON á explotación extranxeira do noso país, NON ao engano e a mentira, NON á contaminación das augas, do subsolo, do monte, das terras…

1 de xuño de 2013 a partir das 11 da mañán e durante todo o día

na Carballeira de Santa Mariña de Corcoesto. Baixo o lema:

Contra os proxectos de minería agresiva

  Convocatoria artístico reivindicativa promovida polos artistas Delio Sánchez de Factoría Delideas e os componentes do Colectivo arTeu, Inma Doval e Xacobe Meléndrez, en colaboración coa Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e co apoio da Federación Ecoloxista Galega (F.E.G.).

Será unha xornada lúdica na Carballeira de Santa Mariña de Corcoesto, sobre o río Anllóns na que se poderá ver traballando a pintorxs, videoartistas, escultorxs, fotografxs… intervirán tamén artistas do mundo do espéctaculo e irán sucedendose as actuacións de músicos do país coas suas versións  máis acústicas; nunha xornada de convivencia, criatividade e compromiso. O publico asistente poderá tamén participar nun taller de estampación e no pintado dunha lona colectiva coordenado polo Grupo Contamiñate.  Todas as persoas que queiran poden levar os seus pinceis, papeis e calquer outro aparello para realizar as súas creacións .

Escritores e artistas do pais e tamén chegados de ben lonxe participarán na instalación de “Un milladoiro para Corcoesto”, na que se invocará o valor destas construccións antigas e tradicionais que servían e siguen a utilizarse en moitos lugares do mundo para alonxar malos espíritus e demarcar territorios… que concluirá cun recital das poesias escritas sobre as croias e intervidas polos asistentes e outras recibidas por correo e que formarán unha morea ao carón do camiño que vai á antiga boca da mina.

Rematarase a xornada coa lectura do MANIFESTO de Enaroborar o Bosque en Corcoesto.

As obras de arte realizadas nesta xornada exporánse na Casa de Cultura de Carballo no vindeiro outono e, xa no ano 2014, na Galería “El Taller” de Santiago de Compostela, coincidindo coa convocatoria do IV Enarborar o Bosque.

Os artistas que teñen confirmada a súa asistencia este ano son:

Plásticos: Leandro Lamas, Delio Sanchez, Fran Moledo, Nolo Suárez, María Leal, Rubén Fenice, Rubén Mariño, Marcos Varela, Nando Pereiro, Ana Fer, David Manteiga, Paula Manteiga, Sebas Anxo, Carlos Botana,  Lola Oviedo, Cora Peña, Mercedes Molares, Mar Suárez Canosa, Carla Souto,  Aitana Tubío, Inma Doval, Fran Moledo, José Luís Busto Cousillas, Novais, Ángel Marcelo, Naty Sanjuán.

Fotógrafos: Xacobe Meléndrez, Maribel Longueira, Begoña Pastoriza, Carolina Martínez Rodríguez.

Música: Tonhito de Poi, Sapoconcho Galego, Josito Porto, Roberto Sobrado e César Morán.

Teatro e contacontos: Zezilia Meléndrez, Ana Hermida e Esbardalle poético

Poesía “Un milladorio para Corcoesto”: Natalia Concheiro, Ramiro Torres, Afredo Ferreiro, Francisco X. Fernández Naval, Nolim González, Alfonso Láuzara, Justo Huilcamina, Ceu Costa, Miriam Rodrigues, François Davó, Encarna Vidal, Iolanda ALdrei, Marina Ourol, Paco Souto, Berta Dávila, Helena Villar Janeiro, Marta Pedrosa.

Un milladoiro para Corcoesto: Instalación artística contra o cianuro, o arsénico e a destrucción da natureza

Este ano Enarborar o bosque terá lugar en Corcoesto, queremos decir NON á mina a ceo aberto que a multinacional canadiana Edgewater quere poñer nestas terras e que convertiría Corcoesto nun lugar de residuos tóxicos, empregaríanse 546.000 kg anuais de CIANURO, segundo a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada pola Consellería de Medioambiente. É a III convocatoria, e terá lugar o sábado 1 de xuño a partires das 11 da mañá. CONVIDAMOS a todos os artistas que desexen crear e coa sua arte apoiar esta reivindicación, (dende a pintura, escultura, fotografía, a música, video, teatro….) e a público en xeral para participar nesta xornada ao aire libre coa que apoiaremos á nosa natureza, o noso entorno e a toda esta xente que está vendo como o seu territorio está baixo ameaza.

Xacobe Meléndrez Fassbender ten ademáis unha proposta para os poetas, tamén a terceira, Un milladoiro para Corcoesto: Instalación artística contra o cianuro, o arsénico e a destrucción da natureza.

Traede ou enviade os vosos versos, escritos sobre croios, ou mesmo pequenas pedras intervidas, coas que montaremos unha instalación no III Enarborar o Bosque, adicado a protección de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) e o seu entorno natural frente ao proxecto de explotación mineira de ouro a ceo aberto.

Os amilladoiros son montóns de croios acumulados de xeito testimonial en determinados lugares. É unha práctica que ten unha raiz celtíbera, pobo que ía botando as pedriñas en cruces de camiños e outros lugares cunha simboloxía especial, para alonxar os malos espíritos.

Practicouse e practícase ainda en multitude de culturas de todo o mundo, dende a tribu Churingaque en Australia ate os Masais africanos, pasando polos pobos do norte penínsular esencialmente no Camiño de Santiago, neste caso despois de pasar o tamiz da cristianización.

Utilizabanna tamen  os gregos e os romans tendo diversos significados. A pedra foi símbolo de forza, virilidade, fecundade, persistencia, demarcación… e nós utilizaremola de novo en Corcoesto, para alonxar os malos espíritos, os do arsénico e o cianuro que con este modelo de explotación mineira ameazan con mobilizarse polo interior da nae terra, nas súas veas de auga, as mesmas que nutren as nosas produccións agrícolas e gandeiras e que iría empozoñar tamén a ría toda.

Ven co teu croio (*) o día 1 de xuño ao III Enarborar o Bosque que se desenvolverá en Corcoesto, con recitais, pintura ao vivo, música, maxia… unha verdadeira romería artístico-reivindicativa ao aire libre.

Tamén podes mandar a túa pedra (*) ao Apartado 223 de Cambre – A Coruña antes do 28 de maio.

(*) Pon claramente o nome dx autor/a e envianos un correo electrónico coa trascripción do texto, o colgaremos na web xunto con fotografías dos seixos.

Xacobe Meléndrez Fassbender

A FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA CONVOCA UN ACTO EN DESAGRAVIO COS CARBALLOS NA CARBALLEIRA DE MEILIDE (CONCELLO DE CERDEDO)

Continúa a loita contra a tala indiscriminada de árbores, neste caso a que, por orde do alcalde de Cerdedo, co silenzo da Consellería de Medio Rural (de todas/os é sabido que cando hai cartos por diante todos os poderes se alían sen importar o noso medio, o futuro do pobo), está acabando coa carballeira de Meilide (Cerdedo), con moitos exemplares senlleiros. Eiquí podedes ler a convocatoria e manifesto completos. E na web de Verbo Xido tedes toda a información sobre esta tala e esta convocatoria.
Dende arTeu apoiamos este acto e denunciamos este tipo de ataques directos contra o noso medio. Hai pouco máis dun mes reunímonos un grupo de artistas, na convocatoria II Enarborar o Bosque para loitar contra esta esta destrucción dos bosques.

II Enarborar o bosque

Onte na carballeira de Coto Pereira xuntámonos un grupo de artistas para reivindicar coas nosas creacións a protección do medio. Nesta ocasión, como ben sabedes, queríamos manifestara a nosa oposición á incineración do lixo, e reclamar unha aposta polas las tres R, nesta orde: Reducir, Reutilizar e Reciclar. Tamén denunciar as talas indiscriminadas que se están facendo en Cerdedo e opoñernos á mina que queren construir nesta fermosa Terra de Montes. Pintores, contacontos, fotógrafos e poetas, creando nunha paisaxe ben bonita, cunha xente encantadora e con auga sí, máis da que desexábamos nese día.

A xornada da mañá foi sen apenas auga, polo que puidemos disfrutar da grande aperta da natureza. Anxo Moure, o Carballo con botas, deixounos un fermoso conto, no que nenas, nenos e adultos sorrimos e brincamos. Na tardiña, debido á forte chuvia, trasladámonos á casa do pobo, alí continuaron as creacións e fixemos a montaxe da instalación poética “Poemas antes do lixo”. Natalia Margalejo, Nolim González, Marcelo, Marta Pedrosa… poetas que crearon alí os seus poemas, lendo ademáis os de moitos que os enviaron por correo como Chisco Fernández Naval, Mito Elías, Bilal Traoré, Iria Anido, Lucía Aldao, Ramiro Torres… e moitos máis. As obras creadas estiveron alí expostas xunto coas maravillosas  esculturas  que Juan, veciño do pobo, creou para ese día. Rematamos cunha cálida despedida, con chocolate e rosca, ofrecida por Verbo Xido e a xente do pobo, a quenes agradecemos ese diálogo que se formou dende o inicio, un intercambio e apoio que sabemos terá continuidade. E moitas grazas a toda a xente de Doade, fermosa, participativa, acolledora, que estivo alí, comapartindo con nós, e a Lola, Poldo, Constantino, Dioniso… e moitos máis que axudaron a que esta xornada fora así de boa. Grazas tamén a Mada Meléndrez  sempre loitando dende a FEG, e que estivo con nós apoiando esta actividade.
Aquí queda unha mostra no telexornal da TVG.

fotografías: Xacobe Meléndrez

Poemas antes do lixo: Instalación poética II Enarborar o Bosque

Este ano será a II convocatoria do encontro artístico en  prol do medio ambiente Enarborar o bosque, que como sabedes organizamos arTeu (Xacobe Meléndrez e Inma Doval) e Delio Sánchez e que terá lugar en Beade, na Carballeira de Cotapereira, Concello de Beariz o 10 de xuño, cunha proposta de Reciarte. Podedes ver a convocatoria xeral para artistas plásticos, músicos, fotógrafos… no blogue de EnarboraroBosque

Para esta ocasión Xacobe Meléndrez prepara unha instalación poética a partir da reutilización dos rolos papel hixénico, “poemas antes do lixo”

 

“Recolectar, comer e abonar
ciclo armónico
explotar, consumir e verter
triángulo destructivo”.

Mirar dende a humildade do último dos refugallos, ise ángulo pouco explorado que nos pode axudar a reinventarnos. Procurando novas fórmulas, novas visións, novas portas para renovar o noso pacto de acollida na nosa contorna.”

ENVIADE AS VOSAS POESÍAS ESCRITAS SOBRE OS ROLOS DE CARTÓN QUE QUEDAN CANDO SE ESGOTA O PAPEL HIXIÉNICO
AO SEGUINTE ENDEREZO POSTAL, (deben chegar antes do 8 de xuño)

Poemas antes do lixo
arTeu arte+sociedade
Aptdo 223
15660 Cambre
A Coruña

TAMÉN AS PODEDES LEVAR AO IIº Enarborar o Bosque, encontro artístico no medioambiente, o 10 de abril en Bearíz-Ourense (estade atentos á convocatoria), ou mesmo levar rolos en branco e inspirarte alí mesmo.

Aínda lembramos a fermosa instalación “poemas na fronde” no I “Enarborar o bosque” na que participaron máis de 30 poetas galegos, de méxico, Costa Rica, Cabo Verde, Polonia, Portugal…

 

Exposición “EnarborarObosque” no Castelo de Santa Cruz (Oleiros, A Coruña)

 

O vindeiro 22 de agosto, lúns, ás 20 horas, inauguraremos unha exposición colectiva, EnarborarObosque, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros, A Coruña) na que participarán 59 artistas (plásticos, poetas e visuais). A exposición contará con parte das obras realizadas durante a xornada de Arte Reivindicativa ao Aire Libre Na Carballeira de Chaián, o 5 de Xuño de 2011. Pintura, Fotografía, Escultura, Escrita.
Contamos cunha inauguración poético musical, na que recitarán: Chelo Suárez, Chisco Fernández Naval, François Davó, Helena Villar Janeiro, Iolanda R. Aldrei, Lourdes Maceiras, Marina Cocós, Miguel Melero, Natalia Margalejo, Ramiro Torres e Xesús Rábade, e o… poeta e músico Mou de Lugh acompañará con Hang Drum. Será un fermoso evento.
Un 10% do recadado pola venda das obras irá á FEG (Federación Ecoloxista Galega).
Na exposición participan: Alfonso Rivero de Aguilar, Ana Fernández Otero, Ángel Segovia, Carlos Antón, Carlos Botana, Carlos Ináciu, Celia Pía, Delio Sánchez, Fran Montoiro, Helena Villar Janeiro, Inma Doval, Lourdes Maceiras, Mariano Casas, Marina Cocós, Mariña Maceirs, Nando Pereiro, Nolo Suárez, Pablo Morandeira, Paz Vicente e Violeta Meléndrez Doval. Ademáis haberá unha instalación “poemas na fronde” de Xacobe Meléndrez cun video de Diego Beltrán, fotografía de Xacobe e poemas de 39 poetas de distintas nacionalidades (galegos, mexicanos, costaricenses, cavoverdianos, portugueses…). Un total de 59 artistas.

Enarborar o bosque

Xa quedou enarborarado o bosque, perto dun centenar de persoas achegáronse á Carballeira de Chaián o pasado domingo 4 de xuño para compartir con nós este acto en defensa do noso bosque. 50 creadoras e creadores, pintura, música, maxia, escrita, escultura… realizando e compartindo as suas obras á beira do Tambre, algo máxico (Deli Sánchez, Nando Pereiro, Nolo Suárez, Marina Cocos, Celia Pías, Carlos Inaciu, Ivor Smodek, Fran Montoiro, Ana Fernández Otero, Paz Vicente…). E o fermoso de crear é comunicar, por iso agradecemos a todas e todos esos amigos e amigas que estiveron con nós, que axudaron e axudan cada día co seu calor a que isto sexa posible (Monse, Diego, Xosé, Jesús, Tino e familia, Petri, e moitísimos máis).
Xa na última hora da tarde ofrecimos ao bosque o que foi creado para el e nunha fermosa homenaxe, na instalación “poemas na fronde” de Xacobe Meléndrez puidemos oir as voces de Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade, Fátima López, Natalia Margalejo, Marisa Villanueva, Marisa Mendes, Bea Bugallo, que amáis de recitar os seus poemas puxeron voz a outros de Luís Maçás, Xoán Abeleira, Eva Wozkiewiz, Mercedes Molares… Nun carballo que deixaba caer docemente as suas polas sobre o río penduraban outras follas, regaladas, de máis de 30 poetas galegos, de méxico, Costa Rica, Cabo Verde, Polonia, Portugal… (amáis dos nomedos, Francisco X. Fernández Naval, Fraçois Davó, Eva Veiga, Justo Ilhuicamina, Natalia Concheiro, Alfonso Láuzara, Marinca Cocos…).

Pronto poderedes ver toda a obra plástica creada, a instalación “poemas na fronde”, o libro cos poemas e o video nas exposicións que iremos anunciando. Nun principio temos xa comprometida unha no Castelo de Santa Cruz.

O evento tivo repercusión mediática (TVG), Radiofusión e La Voz de Galicia, ademáis da rede.
Todo isto quedou tamén recollido en multitude de fotografías tomadas por Paz Vicente, Helena Villar Janeiro, Lurdes Maceiras, Xacobe Meléndrez, Inma Doval, Deli Sánchez…) e video (Diego Beltrán).  Podedes ver algunhas delas e máis que iremos colgando no blogue de enarborar o bosque.
Eiquí quedan as de Xacobe, como mostra deste día:

EnarborarObosque

CREADORES E CREADORAS, artistas plásticos, visuais, escritoras e escritores, músicos…, unídevos e participade nesta convocatoria, de creación ao aire libre:5 de xuño, na carballeira de Chaián (Trazo-Santiago de Compostela), dia mundial do medioambiente de 2011, declarado por la Asamblea General de Nacións Unidas como o “ano internacional dos bosques”. Dende as 10 da mañán. Traede o voso xantar.Ao longo do día iremos creando a…s nosas obras (pinturas, poemas, esculturas, fotografías, performance…). Cara á última hora as obras plásticas formarán parte do espazo, convivindo o maxín coa natureza, poetas poderán recitar os versos creados e a música e o movemento deixarase sentir coma o vento entre as follas. Todo quedará recollido graficamente en fotografía e/ou video.

Posteriormente as obras creadas poderán ser expostas en salas de exposicións.

Manifesto

“Enarborar o bosque” é un acto simbólico promovido por os artistas plásticos e visuais Deli Sánchez e os compoñentes do colectivo arTeu, Xacobe Meléndrez e Inma Doval, para facer un chamamento á valoración dos nosos bosques e reivindicar a sua protección frente á rapiña das talas abusivas realizadas por particulares, comunidades, institucións (concentracións parcelarias, falsas e excesivas limpezas, construcción de infraestructuras…) e empresas madereiras, que con total impunidade talan árbores autóctonas moitas veces centenarias e senlleiras e as substitúen por outras especies como o eucalipto e o piñeiro, ou simplesmente as deixan a monte, sen a aplicación do proxecto de reforestación preceptivo.

Ten acontecido repetidas veces nos últimos anos, unha longa lista que entristece e fire no cerne da nosa identidade: Cecebre (Cambre), Porqueira, Rairiz de Veiga, A Limia, Santa Eulalia de Mazoi, Ordes, Val Miñor, A Fervenza (O Corgo), Barrio de Abella, Carballeira de Faramontaos (Negueira de Ramuín), carballeira de Rioxoán (Pol), Pintinidoira… violencia catastral consentida pola falla de vixiancia e vontade política para aplicar as medidas de protección disponibles.

Defendemos as nosas árbores autóctonas: carballo, acivro, castiñeiro, teixo, cerquiño, bidueiro, faia, ameneiro, freixo, pradairo, sobreira, aciñeira… que na actualidade só ocupan un 25% do bosque frente a especies foráneas como o eucalipto que a máis de deteriorar a nosa paisaxe, empobréce-nos (estan-se a pagar a 25 € tonelada no cargadoiro), favorece a propagación do lume…

Defendemos unha silvicultura racional e sostibel, onde se fagan valer os potenciais das madeiras nobles cun manexo estractivo sustentábel que conserve a diversidade do bosque autóctono e tamén, como non, do tan importante sotobosque.

Esiximos a protección do noso bosque, a nosa paisaxe, a nosa vida!

Esta iniciativa está apoiada por ADEGA e a FEG.

Se algunha ASOCIACIÓN, INSTITUCIÓN, GRUPO, COLECTIVO… quere apoiar esta iniciativa encantados. E se algunha sala de exposicións se presta para despois exhibir as obras, estupendo!!! Ruládeo. A partir da semana que ven poñeremos as adhesións.Ver máis