Homenaxe a Bernardino Graña

E medrou o Mar ! abofé, o sábado día 1 de setembro, coa compañía do sol e unha brisa mariña que nos trouxo arrecendos oceánicos a misturarse cos dos óleos e os acrílicos, entre lenzos, táboas e papel. Cos sorrisos da rapazada nos contos, a emoción vívida dxs poetas e Bernardino ao final da mañán, orgulloso do seu fillo, o artista-músico da familia, e de ter sido nomeado Cabaleiro do Mar no Campo da Rata, perto da torre de Hércules.

O retrato, agasallo de Cubeiro, apertas e máis apertas que como capas ían superpondoselle no lombo e coas que o poeta ía crecendose.

Na tarde “proa ao mar, rachando as ondas, duros, sempre de fronte” que é a recomendación que nos fixo para encarar estes tempos difíciles e o seu “queremos gobernar nós, non os partidos políticos, que nos deixen a NÓS!”, lucidez e rebeldía en todos os rumos, decindonos que a súa palabra é “a súa palabra”. Unha “derrota” polo mar da Coruña reivindicando idioma na toponimía e lembrando anécdotas. Memorable recibimento gaiteiro coa súa marcha ate o paraninfo, onde se sumou o coro que botou máis aloumiños no seu peto, no seu peito.

Exposición dalgunhas das obras realizadas na mañán e entrada apoteósica ao Paraninfo, trescentas persoas de pe agarimando ao poeta cos seus aplausos. Un acto sinxelo e equilibrado, música, vídeos, representación institucional, unha escolla dxs amigxs escritorxs… coa dimensión e a frescura precisas, a tensión contida a medrar baixo a batuta do patrón maior o Xurxo e a súa bugina, e a letanía “medre o Mar”… para o “San Roquiño” como confesou sentirse Bernardino, sempre a rir e o primeiro de si mesmo.

Cada anécdota coas que rematou onte cargada de maxisterio. E o final a entrega dos agasallos e a saida, cos seus amigos, cos seus lectores cruzandolle o camiño interumpindo o desembarque. Saudas, apertas e máis música no claustra do Reitorado. Recollendo todo a “cooperativa” de reporteiros montada para a ocasión, temos moita materia prima coa que traballar agora. E fin….  non a festa non podía rematar o bardo non nolo perdoaría, precisaba dunha “taberna infame” onde bebemos, rimos, cantamos e bailamos, e Bernar tamén cunha enerxía que nos venceu, o capitán foi o último en abandonar o barco. El marchou rúa abaixo con Carmen e Cáccamo, nós cara a alta Cidade Vella e tomamoslle ainda a penúltima. Cando despois recollimos o coche e emprendimos a retirada ao noso refuxio no interior da Fraga de Cecebre… nova sorpresa, estaba na terraza diante da Xeladería Italiana de Porta Real disfrutando dun postre doce para o que foi unha xornada na que disfrutou coma nunca, coma sempre.

Soños cumpridos! medrou o MAR! e como el dixo GRACÍSIMAS ao traballo de todxs nós.
Eu sigo aprendendo que nese paso do eu ao nós, do que falou Manolo Rivas, está a clave.
Cando todos bogamos na mesma dirección somos capaces de calqueira cousa!
Parabéns a todxs NÓS!
e me inclúo

(Texto de Xacobe Meléndrez Fassbender e fotografías de Begoña Pastoriza)

MEDRE O MAR: Homenaxe a BERNARDINO GRAÑA

Como ben dicía Manuel María, “Hoxe o noso grande poeta do mar é, ó meu xuicio, Bernardino Graña. Pra atopar entre nós outro poeta do mar da súa categoría habería que remontarse a Manuel Antonio. Pra Bernardino Graña o mar case é o mundo, povoado, non somentes polos peixes, carrumeiros, toda unha fauna e vexetación marina, senón que tamén polos mariñeiros e afogados… Bernardino Grana canta a un mar poderoso, creador, vivo… “. *

O día 1 de setembro, sábado, prepárase unha gran xornada artística para homenaxear a Bernardino Graña, “Medre o mar”, como dí o noso grande poeta. Escritores, pintores, músicos, actrices e actores, videocreadores… agasallarán a Bernardino coas suas criacións e poñerán voz aos seus versos.

Organizan a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o colectivo arTeu, e colaboran a Universidade da Coruña e a Real Academia da Lingua Galega.

O programa é extenso e variado, a partir das 11.30, “mirando ao mar” con cores e voces. Artistas plásticos crearán as suas composicións, entre eles Alfonso Costa, Isabel Pintado, Tino Poza, Carlos Botana, Carmen Cierto, Lara Pintos, Mercedes Molares, Miguel Melero, Nolo Suárez, Nando Lestón, Begoña Pastoriza, Rubén Mariño, Augusto Metztli, Marthazul, Suso Cubeiro, Soledad Pite, Ánxela Pérez Meilán, Begoña Tojo, Inma Doval e Ovidiu Batista, mentres voces tan fermosas como as de Berta Dávila, Dores Tembrás, Alfredo Ferreiro, Begoña Paz, Ramiro Torres, Mou de Loug, Natalia Concheiro, Tati Mancebo, Nolim González, François Davó ou Henrique Rabuñal soan a carón das rochas. Zezilia Meléndrez e Ana Hermida entretendrán a grandes e pequenos, con contos e lecturas dramatizadas.

Ás 16,45 embarcaremos nunha lancha e “pasaremos a marola” , escoitando a Anxo Angueira e Xabier P. Docampo. Despois os gaiteiros Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña guiarán nunha marcha en loor de Bernardino a todos os asistentes hacia o edificio da Maestranza, onde terá lugar a segunda parte da homenaxe, con exposición das obras creadas na mañán no claustro e un gran acto poético con música e proxeccións, “Medre o mar!”, no Paraninfo da UDC. Nesta acasión Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, e o reitor da UDC, Xosé Luis Armesto,  poñerán voz aos peomas de Bernardino Graña. Actuarán A Quenlla, Pablo Coello,Coro mar das Acentes e Xurxo Souto. Proxectaranse videocreacións de Xacobe Meléndrez Fassbender.

A asistencia toda a xornada é libre e desexamos que sexa numerosa como ben merece noso gran poeta de Cangas. Quen queira “pasar a marola” na lancha que sairá da Dársena, deberá reservalo previamente na AELG: oficina@aelg.org 981133233, o custe é de 5 €.

Máis información tédela en AELG e Sermos Galiza

———————————————————————————————————————-
* Manuel María. A presenza do mar na poesía galega. En: RIEV. Revista Internacional de los Estudios Vascos, Año 39. Tomo XXXVI. N.º 2 (1991), p. 313-338 ISSN 0212-7016. San Sebastián: Eusko Ikaskuntza

Berros no roncar das ondas no Castelo de Santa Cruz

O día 2 de agosto quedou inaugurada a exposición Berros no roncar das ondas no Castelo de Santa Cruz (Oleiros). As fotografías de Xacobe Meléndrez cos versos de Bernardino Graña, penduran, mariñas, na pedra do castelo. A exposición poderá visitarse até o día 14, de luns a venres de 11 a 14 e de 18 a 21, sábados de 11 a 14.   (foto: Ceida)

foto: Tati Mancebo

Onte, nun entorno inigualable tivo lugar a presentación do libro que, co mesmo título, acompaña a exposición e que contén ademáis das fotos os poemas completos que voan en cada unha delas. Na presentación ademáis de Xacobe, Carlos Vales e Xurxo Souto, estaba o grande poeta, Bernardino, de novo chamando o mar, cálido, poético, forte e simpático. Nun atarceder no que viaxaban fermosas e lixeiras as verbas e as cores, nun diálogo da fotografía e a poesía co seu gran aliado, o mar, éramos moitas e moitos os que puidemos disfrutalo.

O venres o libro presentarase na feira do libro da Coruña, ás 18.30, e de novo estaremos coa maravillosa compañía de Bernardino, xunto con Teresa Seara e Xacobe.

Foto: Alfredo Ferreiro