TRÓCOCHO

TRÓCOCHO é un novo proxecto de arTeu arte + sociedade. Pretende achegar a arte dos máis pequenos á sociedade ao tempo que desenvolve a creatividade na infancia. Con este proxecto ofrécese a oportunidade a nenos e nenas entre 6 e 12 anos de conseguir os contos que máis lle gustan a cambio dun debuxo ou unha pintura.

 O proxecto ten o seu inicio nunha libraría infantil da Coruña, a libraría Quimbamba, grazas á boa acollida da idea por parte de Marta e María Castro, sempre dispostas a encher o mundo dos nenos e nenas coa maxia dos contos, e que lle deron cabida dentro das numerosas actividades que realizan para achegar os nenos/as á lectura.

 Con TRÓCOCHO cada mes un neno ou unha nena expoñerán as súas obras de arte (pintura, debuxo, gravado…) na libraría, convivindo cos libros. Previamente farán unha selección de contos da libraría que lles gustaría ter, e polos que estarían dispostas/os a trocar a súa obra de arte. Os cadros estarán á venda aínda que o prezo non se marcará en diñeiro senón en contos, será un deses libros, o que o pequeno/a artista decida para cada obra. As obras deberán ser creadas a conciencia, pensando que deben realizar algo bo para poder ser exposto, o esforzo forma parte da filosofía do proxecto.

Tríptico coas bases